Creado en 2023 na Universidade da Coruña, o grupo Cidadanía Dixital estuda como a tecnoloxía e a comunicación transforman a nosa forma de participar na sociedade. Exploramos a relación entre cidadanía, medios e plataformas dixitais desde unha mirada crítica, creativa e inclusiva.
Combinamos investigación, docencia e divulgación para impulsar proxectos que conectan innovación, tecnoloxía e compromiso social.
Con sede na Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, traballamos en temas como a comunicación feminista, a ética dixital, as narrativas transmedia e os usos sociais da intelixencia artificial.
Creación
2023
Centro
Facultade de Ciencias da Comunicación
Departamento
Socioloxía e Ciencias da Comunicación
Coordinación
Teresa Piñeiro-Otero
Liñas de investigación
01
Comunicación, cidadanía dixital e esfera pública
Estudamos como cambian a comunicación pública e a participación cidadá no contorno dixital. Analizamos a desinformación, o discurso mediático, a conversa política en redes, as violencias dixitais e o papel das plataformas, dos algoritmos e da intelixencia artificial na configuración do debate público.
02
Narrativas, audiencias e medios dixitais
Investigamos a produción, circulación e consumo de contidos no ecosistema dixital. Traballamos sobre audiencias, televisión social, podcast, videoxogos, animación e narrativas transmedia, atendendo tamén ao impacto da automatización, da IA e dos sistemas de recomendación nos procesos creativos e nas formas de recepción.
03
Xénero, desigualdades e tecnoloxía
Analizamos as desigualdades de xénero que atravesan a comunicación e a tecnoloxía. Estudamos fendas dixitais, representación mediática, feminismo dixital, violencia política e mediática, violencias en rede e nesgos algorítmicos, con especial atención aos efectos sociais da intelixencia artificial e ás súas implicacións para os dereitos dixitais.
Que ofrecemos
Investigación aplicada e consultoría
En comunicación dixital: análise de audiencias e narrativas, avaliación de contidos, impacto social das plataformas, estratexias transmedia e innovación en formatos.
Formación e asesoramento
En alfabetización mediática e cidadanía dixital para profesorado, persoal da administración, empresas e colectivos: uso crítico dos medios, participación dixital e desinformación.
