Proxectos


Bótalle unha ollada a algúns dos nosos proxectos. Ademais, colaboramos en numerosas iniciativas impulsadas por outras universidades e redes de investigación, sempre co propósito de xerar coñecemento compartido e fortalecer o impacto social do noso traballo.

Ilustración do proxecto VIVRAS: mulleres con auriculares, micrófonos e altofalantes nun collage de cor

Visibilizar voces, construír resistencias. Dimensións, narrativas, experiencias, recoñecemento e sustentabilidade da podcastesfera feminista española desde unha perspectiva interseccional (VIVRA)

Este proxecto estuda a podcastesfera feminista en España como un espazo de creación, reflexión e resistencia fronte aos discursos sexistas e á desinformación de xénero. Desde unha perspectiva interseccional, busca analizar como os podcast feministas visibilizan voces diversas, xeran comunidade e abren novas formas de contar a experiencia das mulleres.

Ademais da investigación, o proxecto procura achegar estes contidos á sociedade a través de distintos recursos de divulgación e transferencia.

Financiado polo Instituto das Mulleres (2025-2026), pon o foco no potencial do audio dixital para impulsar unha cultura mediática máis crítica, plural e inclusiva.


Obradoiro A desinformación tamén ten xénero: claves para entendela e combatela

A desinformación tamén ten xénero

Obradoiro organizado en colaboración coa Fundación CEER e o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) no marco do proxecto europeo EUDEM. Este proxecto forma parte da EU Fact Checker Network, unha rede orientada a reforzar a resiliencia democrática mediante a implicación da mocidade e de xornalistas na protección dos valores da Unión Europea fronte á desinformación e ás interferencias mediáticas.

Durante o obradoiro, impartido con Maldita.es, presentamos o Verificador Multi IA para desinformación de xénero, unha ferramenta en cuxo desenvolvemento participamos.


Cartel de Atrévete a pescudar con elas, iniciativa do 11F da UDC

Atrévete a pescudar… coas investigadoras de DIGI

Atrévete a pescudar con elas é unha iniciativa da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC con motivo do 11F, Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

A través de dúas pezas audiovisuais, unha dirixida ao alumnado de primaria e outra ao de secundaria, investigadoras da Universidade da Coruña comparten as súas experiencias e achegan a ciencia ao público máis novo.

Nesta edición participamos varias integrantes de DIGI, compartindo as nosas traxectorias e traballos no ámbito da Cidadanía Dixital.


Logotipo do Monitoreo Global de Medios GMMP 2025

Proxecto Global de Monitorización de Medios

Participamos no Proxecto Global de Monitorización de Medios (GMMP), unha iniciativa internacional que, desde a Conferencia de Beijing de 1995, analiza a representación de xénero nos medios.

Na súa sétima edición, o proxecto reuniu en España once universidades e máis de sesenta profesionais e activistas, baixo a coordinación da profesora Teresa Vera (Universidade de Málaga). Desde DIGI coordinamos o equipo galego e colaboramos nesta análise colectiva.


Imaxe do proxecto Entre liñas: collage de anuncios antigos con estereotipos femininos

Entre liñas

Entre liñas é un proxecto que convida a mirar os medios de comunicación con espírito crítico, identificando estereotipos e destacando narrativas que promoven a igualdade.

Financiado polo Instituto das Mulleres, combina podcast, microvídeos, un MOOC e obradoiros para analizar a representación feminina nos medios e difundir boas prácticas.

Cun enfoque interseccional, visibiliza mulleres maiores, racializadas, científicas, neurodivergentes ou deportistas, xerando novos referentes cara a unha comunicación máis xusta e inclusiva.


Imaxe do proxecto AGITATE sobre asimetrías de xénero na política dixital

Asimetrías de xénero na política dixital

O proxecto (2022-2023) analiza as desigualdades e violencias de xénero na comunicación política dixital, especialmente cara ás mulleres en cargos públicos. A través do estudo de Twitter e Instagram, procura visibilizar a hostilidade nas redes e fomentar unha reflexión crítica e un uso responsable dos medios sociais.

Financiado polo Instituto das Mulleres.