VIVRA
Visibilizar voces, construír resistencias
Dimensións, narrativas, experiencias, recoñecemento e sustentabilidade da podcastesfera feminista española desde unha perspectiva interseccional.
Instituto das Mulleres · 2025-2026

Por que VIVRA?
O podcast consolidouse como un dos formatos máis dinámicos do ecosistema dixital. Dentro del, o podcasting feminista emerxeu como un espazo de produción mediática con forte dimensión política, activista e pedagóxica: o seu baixo custo, a distribución descentralizada e a liberdade narrativa convertérono nunha ferramenta para visibilizar voces diversas, tematizar problemáticas silenciadas e disputar os marcos de representación dos medios tradicionais.
Pese a esta relevancia, o fenómeno segue pouco explorado de forma sistemática en España. VIVRA mapea, clasifica e analiza os podcast feministas ou con perspectiva de xénero producidos no Estado entre 2020 e 2024, atendendo a quen os fai, que contan e como se reciben.
2020-2024
Período analizado: da pandemia á actualidade
Spotify e iVoox
As dúas principais plataformas de escoita en España
≈ 50 podcast
Análise en profundidade de títulos con traxectoria ou impacto
15-20
Entrevistas en profundidade a creadoras
Que imos producir
Web-catálogo
Unha plataforma pública de podcast feministas con fichas descritivas, filtros por temática, voz e formato e ligazóns de escoita.
Podcast documental
Unha serie sonora en tres episodios cos testemuños das creadoras: motivacións, desafíos e procesos de produción.
MOOC en UDC Aberta
Un curso aberto que combina a análise crítica do fenómeno con formación práctica en creación sonora con perspectiva de xénero.
FINANCIAMENTO
Proxecto financiado polo Instituto das Mulleres (Ministerio de Igualdade) na convocatoria de subvencións para a realización de Investigacións Feministas 2025 (expediente 39-05-ID25). Entidade beneficiaria: Universidade da Coruña.

Investigadora principal: Teresa Piñeiro-Otero · Grupo DIGI – Cidadanía Dixital
